miércoles, 31 de enero de 2018

ENTROIDO 2018

Ola familias,
 publicamos o que mandan do cole para que teñades a man.

Xa está aquí! xa chegou o entroido dos Casais!!!

Este ano avisamos con tempo para que poidades ter todo preparado. Recordade que non valen disfraces comprados integramente, se non con cousas que atopedes por casa, elementos doutros disfraces, roupa vella ou prestada... Botádelle imaxinación!

Este ano o noso Meco chámase Pinocheiro Mentireiro e nos irá contando que traer cada día. Cada xornada traeremos unha ou varias cousas do tema que nos diga o Pinocheiro (MOI IMPORTANTE NON SERÁ ACUMULATIVO), salvo o venres que viremos disfrazados ao completo!

Luns 5:

PIÑOCHEIRO MENTIREIRO

TERÁ O LUNS O DÍA SONEIRO

QUERE VESTIR PIXAMA

PARA METERSE NA CAMA


Martes 6:

AO PINOCHEIRO MENTIREIRO

O TEMPO VAILLE PASANDO

CONVERTEUSE NUN VELLIÑO

IDE VOS TAMÉN COPIANDO


Mércores 7:

PINOCHEIRO MENTIREIRO

MAÑÁ TEN QUE IR A TRABALLAR

BUSCA ALGUNHA ROUPA APROPIADA

PARA NON DESENTONAR


Xoves 8:

PINOCHEIRO MENTIREIRO

TEN QUE VIR MOI ELEGANTE

VIDE CON ALGO DE GALA

PARA ESTAR SÚPER RADIANTES


Venres 9: Día da festa do Entroido. Temos redución horaria de 10h a 13h. Os buses funcionarán coma sempre. Este ano a temática do Entroido serán os contos.

UN PAÍS DE FANTASÍA

NO PATIO IMOS CREAR

DE PERSONAXES DE CONTO

TERASTE QUE DISFRAZAR

Teredes que vir disfrazados de personaxes de contos (non valen pelis). Recordade que non valen disfraces comprados integramente, se non con cousas que atopedes por casa, elementos doutros disfraces,roupa vella ou prestada... Botádelle imaxinación!

As familias poderedes vir a vernos a partir das 10:30. Este ano contaremos coa actuación de "Un conto ao revés" do grupo Chuchesamil que nos trae a ANPA e a súa merendola. Agardamos que o pasedes moiiiiii ben. Voltamos ás aulas o xoves 15 de febreiro.

domingo, 28 de enero de 2018

ÚLTIMAS ACTIVIDADES PROGRAMADAS NO COLE

Ola familias,
 aquí tedes os enlaces das últimas actividades que están programadas no cole para os próximos días.
Premede no seguintes enlaces:
Anxo Moure no día da Paz



Visita de Martin Hutchinson

jueves, 25 de enero de 2018

CHARLA ILP BOSQUE ATLÁNTICO

Ola familas,
 a Plataforma Vilar do Colo achéganos a seguinte información a quen poida interesar. Solicitamos dende o cole os pregos para a recollida de firmas:


No nome dos preto de 60 colectivos e entidades que formamos parte de "Cousa de Raíces", unha campaña aberta a todas as persoas, entidades e colectivos dispostas a traballar no obxectivo común de defender o noso bosque, envío o texto da Iniciativa Lexislativa Popular que vai levar ao Parlamento Galego unha "Proposición de Lei para a Conservación e Mellora do Bosque autóctono, a Racionalización da Xestión do Monte e a Loita contra os incendios forestais", para se o tedes a ben, os coñezades e lles dedes a máxima difusión posíbel, pois pensamos que neste intre é preciso dar o debate tanto social como institucional sobre o noso monte, tanto para ordenalo, aproveitar todas as súas potencialidades como creador de benestar e riqueza, así como acabar co perigo para os bens e persoas que supoñen os lumes forestais.

Para poder presentar esta Proposición de Lei, é preciso que seña asinada por un mínimo de 10.000 persoas con dereito a voto en Galicia, cifra que estamos seguros de superar con moito coa colaboración de todos e todas vos, tendo como un dos obxectivos da campaña, que sexa esta a ILP que mais sinaturas recolla de todas as presentadas ate hoxe, para o cal, póñemonos tanto Cousa de Raíces como as entidades que a compoñemos como eu no seu nome á vosa disposición tanto para recoller a vosa sinatura como para facilitarvos pregos de recollida se desexades participar na campaña.

Asimesmo convidarvos a asistir aos actos que temos programados ata o de agora para presentar esta ILP, e que terán lugar:

• O vindeiro venres 26 de xaneiro no local do Antigo Hospicio de Ferrol ( Rúa Méndez Núñez 11 ) ás 19:30 horas.
• O venres 16 de febreiro na Casa da Xuventude de San Sadurniño (Concello vello ) ás 20:00 horas.
Nos dous actos intervirá Fins Eirexas, membro da Comisión Promotora da ILP, que explicará as razóns para presentar esta Proposición de Lei, así como as propostas que nela se contemplan.

Para máis información premede nos seguintes enlaces:





viernes, 12 de enero de 2018

CONCERTO IRÍA QUINTÍA. GUITARRA CLÁSICA NA CASA DA CULTURA DE FENE

Ola familias,

 A Concellería de Cultura INFORMA, para o seu coñecemento, que o venres 12 de xaneiro, ás 19:00 horas terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Fene un concerto de guitarra clásica a cargo de Iria Quintía. O Concello de Fene colabora, cedendo o local, para este recital no que a intérprete fenesa realizará un percorrido musical dende o período clásico até o actual. Así, escoitaranse pezas de Fernando Sor, Johann Kaspar Mertz, Manuel Ponce, Dusan Bogdanovic, etc.




Iria Quintía comeza a tocar a guitarra á idade de 9 anos en varios centros de Madrid e finaliza os seus estudos de grao profesional no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol coa profesora Águeda Gutiérrez, acadando o premio de fin de grao. Posteriormente realiza os estudos superiores no CSM de Vigo coa profesora e guitarrista Margarita Escarpa.


Na actualidade está a ampliar os seus estudos en L’Academie Superier de Musique de Strasbourg-HEAR, en Francia, recibindo clases dos compoñentes do Duo Melis, Susana Prieto e Alexis Muzurakis.

martes, 9 de enero de 2018

CAMPAÑA DE INVERNO DEPUTACIÓN DA CORUÑA 2018


Ola familias,

 o Concello de Fene vai participar na “Campaña de Inverno 2018” organizada pola Deputación da Coruña na estación invernal de Cabeza de Manzaneda (Ourense) e destinada a rapaces e rapazas nacidos/as nos anos 2003, 2004, 2005, 2006 e 2007.


A quenda que lle corresponde aos rapaces e rapazas do Concello de Fene é a terceira: do 23 ao 26 de febreiro de 2018.

Os participantes disfrutarán de catro días na estación invernal, cun paquete completo de actividades, cursiños de esquí, aloxamento e manutención no complexo de Manzaneda. A entrada dos rapaces na estación será o venres pola mañán e a saída o luns, despois de xantar.

A Deputación responsabilizarase do transporte de todos os participantes dende os puntos de recollida en cabeceiras de comarca, estancia, manutención, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos na estación e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.


Cada participante terá que pagar unha cota de inscrición de 85 € (oitenta e cinco euros).



Todos os rapaces e rapazas interesados en participar, deberán facer unha preinscrición nas dependencias municipais de Cultura e Deportes, en Avda. Naturais, nº 44, entrechán (Fene). A data límite para realizar esta preinscrición é o 16 de xaneiro de 2018.

O Concello de Fene ten adxudicadas 8 prazas, polo que no caso de ter máis solicitudes que prazas asignadas realizarase un sorteo público no salón de Plenos do Concello ante a secretaria de Concello para adxudicalas.

TERÁN PREFERENCIA OS/AS RAPACES/ZAS QUE NON FORAN A NINGUNHA CAMPAÑA DA NEVE DA DEPUTACIÓN.

Para calquera aclaración relacionada con esta Campaña podedes poñervos en contacto co Departamento de Deportes do Concello de Fene. Telf. 607 615 962 / 981 34 03 66, aínda que as cuestións organizativas da Campaña dependen directamente do Gabinete de Deportes da Deputación, polo que dende o Concello poderase dar a información que vaia facilitando a Deputación.



viernes, 5 de enero de 2018